Música e poesía no Pazo da Cultura
Fotografía de Peter Scheneider
Poesía, música e fotografía danse hoxe a man no recital que nos teñen preparado @s poetas Rosalía Fernández Rial e Paco Souto, xunto co pianista Celso Moreira e o fotógrafo Peter Scheneider. Será ás oito e media deste xoves, 18 de xullo, no terceiro andar do Pazo da Cultura, onde está exposta a mostra Minguarte, que reúne o traballo de vari@s artistas locais ao redor da crise.
Este recital forma parte, de feito, do propio proxecto de Minguarte. Nesta ocasión, a organización da exposición colectiva que, todos os anos, se inaugura co San Xoán, quixo levar a mostra máis aló das artes plásticas. Para iso, organizaron unha serie de recitais con artistas da zona, ao longo das últimas semanas. Este será o último recital programado nesta edición no marco de Minguarte.
O recital leva por nome "E aínda é tempo escuro" e lémbranos que estas lamas veñen de pos que xa son ben anteriores, que a crise (económica, ambiental…) ten raíces profundas. Rosalía Fernández e Paco Souto combinarán versos dos seus poemarios, e farano interactuando en todo momento entre si e cos outros integrantes do espectáculo. De fondo, unha proxección con fotografías de Peter Scheneider que nos levan a outros tempos tamén ben escuros, a marea negra do Prestige.