O verán con máis bandeiras azuis
Se queredes gozar da praia nesta fin de semana, lembrámosvos que Carballo é o único concello da Costa da Morte con tres bandeiras azuis. Este é o ano no que Carballo conta con máis praias con este distintivo.
A bandeira azul, que premia a calidade dos areais, a limpeza e os servizos dispoñibles, ondea este verán nas praias de Razo, das Saíñas (en Baldaio) e da Pedra do Sal.
As nosas son praias amplas, abertas ao Atlántico e de finas e douradas areas. Teñen un gran valor paisaxístico e natural, polo que son idóneas para gozar do verán en pleno contacto coa natureza. Están situadas en Rede natura e son espazo natural protexido.
Ademais de pasalo ben, coa posibilidade de practicar deportes como o surf ou o volley praia, poderás ademais, presenciar interesantes fenómenos naturais, como a lagoa de Baldaio, un dos humidais máis importantes de Galicia, ou a praia fósil de Razo, formada no cuaternario.
Calidade e servizos
A Bandeira Azul é unha garantía da calidade das augas, dos servizos, da xestión ambiental, da seguridade, da calidade das instalacións e da súa accesibilidade. Da limpeza das nosas praias encárgase un servizo específico e da súa seguridade, un dispositivo de 32 socorristas que están a traballar dende o 11 de xuño. Este ano habilitouse, ademais, unha nova zona de estacionamento de vehículos para dar servizo ás praias de Saíñas e do Sal.
Os areais de Carballo adoitan ser recoñecidos polo prestixioso distintivo concedido pola ADEAC, a Asociación de Educación Ambiental e do Consumidor. Para facerse coa bandeira azul, é preciso realizar controis periódicos das augas e dos areais, unha proba que, este verán, superamos con éxito sobrado.