Carballo promociona a ruta Vermú de Inverno en Xantar
O noso concello será o protagonista do dia 4 no stand da campaña “A provincia que sabe”, da Deputación da Coruña
Participación carballesa en Xantar 2021
O café, o chocolate e os produtos gourmet da horta bergantiñá chegan ao Salón Internacional de Turismo Gastronómico Xantar grazas á colaboración entre as empresas locais Cafés Lúa, Chocolates Mariño e A despensa D’Lujo coa Concellaría de Promoción Económica e Turismo para que o noso concello teña sabor propio no stand da Deputación da Coruña.
A provincia que sabe, a campaña impulsada desde a área provincial que dirixe Xosé Regueira, ocupa un lugar destacado na feira que se celebra en Ourense entre o 2 e o 5 de novembro. E, nese escenario, os produtos carballeses serán os grandes protagonistas na xornada do sábado 4.
Ademais do café, o chocolate e os produtos gourmet, Carballo promociona en Xantar a primeira Ruta Vermú de Inverno, que arrinca, precisamente esta fin de semana en 31 establecementos de hostalaría de 7 parroquias. Desde o Concello queremos aproveitar a excelente plataforma que supón a feira ourensana para dar a coñecer esta nova iniciativa da área de Promoción Económica e Turismo. Con esa finalidade, o sábado realizaranse dúas sesións de preparación de vermú ás 13.00 e ás 18.00 horas.
Xantar é un escaparate único para dar a coñecer todas as posibilidades do municipio como destino. E por iso, ademais de promocionar os produtos locais e a Ruta Vermú de Inverno, as persoas que se acheguen polo stand da Deputacion da Coruña atoparan información turística xeral sobre Carballo.