O Rexenera Fest enche de cor o barrio máis antigo de Carballo
Xa está aquí o Rexenera Fest! E este ano o festival internacional de arte pública de Carballo vén disposto a encher de cor o barrio máis antigo da nosa vila: A Lagoa. Cinco das novas creacións que se sumarán ao noso museo ao aire libre situaranse nas rúas Túnel, Carpinteiros e Oriente, e haberá unha sexta no IES Parga Pondal, na outra punta do mapa urbano, que tamén será escenario dun taller de muralismo para un grupo de estudantes do centro.
Presentámosvos o elenco de artistas que nos acompañarán entre o 1 e o 11 de xuño:
Alegría del Prazo (rúa Sol 33 / rúa Carpinteiros) é un dúo creativo hispano-mexicano formado por Octavio Alegría e Ester del Prado. O seu imaxinario móvese nun fino equilibro entre a figuración e o naturalismo, un estilo cargado de detalles cun matiz surrealista moi persoal, creando mundos oníricos que se enraízan a unha natureza chea de simbolismos. Co debuxo combinan os seus coñecementos de gravado para crear outro tipo de linguaxes. Podes botar unha ollada ao seu traballo aquí: www.instagram.com/alegriadelprado
MAZ (Rúa Oriente, 1) é, sen dúbida, unha das figuras máis activas e interesantes do panorama da arte urbana galega e estatal. Coa intención de darlle visibilidade a problemáticas e contradicións que teñen lugar no espazo público, afonda en temas como o animalismo, a sustentabilidade ou a vida en sociedade dende o optimismo, o humor critico e a retranca, sen pedir perdón nin permiso a ninguén. Que reivindicará nas rúas de Carballo? Pronto o saberemos! Máis sobre MAX, aquí: https://www.maz.ooo/
Alberto Montes (rúa Túnel) é un pintor e muralista sevillano cuxa obra se caracteriza pola investigación plástica a través da concepción da paisaxe, movéndose comodamente entre a figuración e a abstracción. A súa é unha proposta creativa que incita á pausa, á contemplación e á reflexión. Se queres coñecelo mellor: https://www.instagram.com/alberto__montes
Susana Blasco, tamén coñecida como Descalza (Rúa Oriente, 12), é deseñadora gráfica, ilustradora, afiadora de coitelas, amante de pedras, papeis e tesoiras, e moitas cousas máis! Esta zaragozana é especialista na arte do collage, en levar esta disciplina ao formato mural, e unha dos principais referentes desta técnica en España, cunha longa experiencia e traxectoria. Sigue o seu traballo aquí: https://susanablasco.com
Iota (rúa Oriente, 23) é unha artista belga con base en Bruxelas, que se move con comodidade entre a arte mural, a pintura e o debuxo. A súa obra actual atopa a súa inspiración entre a pintura clásica figurativa e a art nouveau. Traballa na representación da alma humana en todas as súas complexas formas, mesturando corpos, texturas e materiais para introducirnos nun mundo onde o inconsciente se funde coa realidade e modélaa ata o infinito. Máis sobre Iota: https://www.notoneiota.art
Elena González, ou Ele Zissou (IES Parga Pondal), é unha ilustradora e muralista de Salamanca. A súa obra inspírase na natureza, a infancia, a arte que ama e as series de animación e o cinema que sempre admirou. A súa obra destaca polo uso dunha paleta limitada de cores planas e vivas que distribúe de xeito sensible e equilibrado en todas as súas composicións e unha sofisticada síntese e estilización de formas, xerando o seu propio universo máxico cheo de personaxes coloridos e divertidos. Aquí podes velo: http://www.elena-gonzalez.com
Ademais do taller de muralismo para estudantes que se desenvolverá no IES Parga Pondal, o Rexenera Fest inclúe estoutras actividades paralelas:
- Xogos de pistas para familias: do 1 ao 11 de xuño, para todos os públicos e con inscrición de balde en rutas@rexenerafest.gal ou no teléfono 981 702 077. Recolle as primeiras pistas no Museo de Bergantiños e acada o teu premio!
- Ruta guiada: 11 de xuño ás 12.00 horas. Actividade para todos os públicos con inscrición de balde en rutas@rexenerafest.gal ou no teléfono 981 702 077. Saída dende o Museo de Bergantiños.
- Concerto: 9 de xuño, con Dios Ke Te Crew e Familia Caamagno. Para non perder!