O Carballo Interplay cumpre 10 años poñendo o foco na creación e o talento galegos
DO 29 DE MARZO AO 1 DE ABRIL
O Carballo Interplay homenaxea a toda unha década de talento galego na súa décima edición, que terá lugar os días 29, 30, 31 de marzo e 1 de abril. Unha vez máis, a principal motivación será reivindicar a creación de contidos dixitais dende Galicia e en galego, xa sexa en redes sociais coma Twitter, Youtube, Twitch ou Tiktok, no eido audiovisual ou en formato podcast.
Nesta ocasión, os contidos galegos protagonizarán as xornadas do mércores 29 e o xoves 30 de marzo, que contarán con actividades coma a gravación en directo do podcast “Petiscos no Derby”, a estrea do talk show “Dando a turra”, o repaso á historia da internet galega con María Yañez en “O outro lado da pantalla”, o pitching de iniciativas que optarán ao premio de “Mellor proxecto de serie web” e a estrea en exclusiva do proxecto gañador na anterior edición.
O festival comezará o mércores 29 de marzo ás 11h co acto de apertura e a entrega de premios de “Dinoescolas”. O certame “Dinosaurio Escolas” ten coma obxectivo a incentivación da creación de contidos audiovisuais orixinais en lingua galega para a súa difusión por internet mediante a creación de capítulos da serie “Dinosaurio”. Este ano será o primeiro no que se realice, sendo un impulso máis para a creación de contidos en gallego, cada vez dende idades máis novas.
No acto de apertura do festival, ademais de contar con distintas personalidades e explicar brevemente a programación desta edición, proxectaremos os “Dinosaurios” para que todo o mundo poda ver as súas creacións na gran pantalla e terá lugar a entrega de premios.
Ás 12h comezará “Dando a turra”, un talkshow creado por Belén Puime e Uxía Vázquez, con convidadas sorpresa. A intención deste programa é falar con distintas personalidades da mocidade galega sobre un futuro adulto que cada vez está máis cerca, así coma intentar dar resposta a preguntas como: como vai afrontar esta xeración ser adultos funcionais?, que cambios debería haber no eido laboral?, é a xeración z unha xeración de cristal?
As creadoras son Belén Puime, creativa na produtora “Unicorn Content”, e Uxía Vázquez, creadora do podcast “Falar sen saber”, e definen este espectáculo como “unha charla que ben podería darse nun bar ou no baño dunha discoteca barata”.
Ao día seguinte, o xoves 30 de marzo, levarase a cabo a presentación dos Dinosaurios, para dar a coñecer o proxecto ante un público formado por varios centros educativos galegos.
A continuación, ás 12h, a creadora cultural María Yañez proporá en directo, a través da súa experiencia persoal, unha viaxe dende os inicios da internet galega ata as portas da chegada das redes sociais. “O outro lado da pantalla” será un repaso a como chegaron as primeiras conexións nos años 90, as primeiras webs en galego, os primeiros medios dixitais e as primeiras plataformas sociais de contido, que naceron dende abaixo, colectivamente, e con dúas motivacións principais, a lúdica e a activista.
A última actividade da mañá é a emisión en directo de Petiscos no Derby, edición especial do podcast Café Derby 21, creado por Carme D. Prol, Adrián Lede e Nico Carreira. Esta creación sonora nace de conversacións na cociña dun piso de estudantes e busca analizar a actualidade da cultura galega.
Nesta ocasión estarán acompañados de creadores de contido como as tiktokers Totakeki, Meryfos e Sara Seco, e las creadoras do programa “Todo Mal”, Carla Núñez e Marcos López (autor tamén do proxecto satírico “Telejaita”).
Esa mesma tarde, continúa o talento galego co Pitching de proxectos de serie web en galego, a partir das 18h30. Os finalistas do certame presentarán os seus proxectos ante un xurado especializado que decidirá que proposta levará 3.000 euros para financiar a súa obra.
Pouco despois, ás 20h00, terá lugar a estrea en exclusiva do proxecto que foi seleccionado o ano pasado, Mentres non chova, unha obra creada por Carla Mojón, Xiana Rei Martiz e Luiza Velizarova. A webserie trata unha realidade distópica na que un malvado empresario busca instalar unha cúpula xigantesca que protexa toda Galicia da chuvia, para así aumentar os seus beneficios económicos.
O talento galego non so estará sobre o escenario, este ano o Carballo Interplay decidiu colaborar directamente con A Cousa, un medio nativo dixital creado en 2021 por xente nova da xeración Z que estará narrando o festival directamente dende dentro e ensinando a “cara B” de todo o que ocorre. A súa equipa está formada por Isabel Gutierrez, Xulia Lomba, Yaiza López e Aida Vilariño.
Deste xeito, o Carballo Interplay consolídase coma un festival que busca impulsar a creación en Galicia e en galego en todos os ámbitos, convertíndose en punto de encontro de creadores e creadoras do país, con unha década de experiencia e experiencias ás súas costas.
Ao longo dos próximos días, a organización continuará desvelando o resto de la programación, que contén unha Zona PRO dedicada á industria audiovisual, charlas, shows, talleres e espectáculos.