Carballo a un paso

Inicio // Artículos // O Carballo Interplay cumpre 10 años poñendo o...

Compartir:

O Carballo Interplay cumpre 10 años poñendo o foco na creación e o talento galegos

DO 29 DE MARZO AO 1 DE ABRIL

O Carballo Interplay homenaxea a toda unha década de talento galego na súa décima edición, que terá lugar os días 29, 30, 31 de marzo e 1 de abril. Unha vez máis, a principal motivación será reivindicar a creación de contidos dixitais dende Galicia e en galego, xa sexa en redes sociais coma Twitter, Youtube, Twitch ou Tiktok, no eido audiovisual ou en formato podcast.

Nesta ocasión, os contidos galegos protagonizarán as xornadas do mércores 29 e o xoves 30 de marzo, que contarán con actividades coma a gravación en directo do podcast Petiscos no Derby, a estrea do talk show Dando a turra, o repaso á historia da internet galega con María Yañez en O outro lado da pantalla, o pitching de iniciativas que optarán ao premio de Mellor proxecto de serie web e a estrea en exclusiva do proxecto gañador na anterior edición.

Mércores 29

O festival comezará o mércores 29 de marzo ás 11h co acto de apertura e a entrega de premios de Dinoescolas. O certame Dinosaurio Escolas ten coma obxectivo a incentivación da creación de contidos audiovisuais orixinais en lingua galega para a súa difusión por internet mediante a creación de capítulos da serie Dinosaurio. Este ano será o primeiro no que se realice, sendo un impulso máis para a creación de contidos en gallego, cada vez dende idades máis novas.

No acto de apertura do festival, ademais de contar con distintas personalidades e explicar brevemente a programación desta edición, proxectaremos os Dinosaurios para que todo o mundo poda ver as súas creacións na gran pantalla e terá lugar a entrega de premios.

Ás 12h comezará Dando a turra, un talkshow creado por Belén Puime e Uxía Vázquez, con convidadas sorpresa. A intención deste programa é falar con distintas personalidades da mocidade galega sobre un futuro adulto que cada vez está máis cerca, así coma intentar dar resposta a preguntas como: como vai afrontar esta xeración ser adultos funcionais?, que cambios debería haber no eido laboral?, é a xeración z unha xeración de cristal?

As creadoras son Belén Puime, creativa na produtora Unicorn Content, e Uxía Vázquez, creadora do podcast Falar sen saber, e definen este espectáculo como “unha charla que ben podería darse nun bar ou no baño dunha discoteca barata”.

Xoves 30

Ao día seguinte, o xoves 30 de marzo, levarase a cabo a presentación dos Dinosaurios, para dar a coñecer o proxecto ante un público formado por varios centros educativos galegos.

A continuación, ás 12h, a creadora cultural María Yañez proporá en directo, a través da súa experiencia persoal, unha viaxe dende os inicios da internet galega ata as portas da chegada das redes sociais. O outro lado da pantalla será un repaso a como chegaron as primeiras conexións nos años 90, as primeiras webs en galego, os primeiros medios dixitais e as primeiras plataformas sociais de contido, que naceron dende abaixo, colectivamente, e con dúas motivacións principais, a lúdica e a activista.

A última actividade da mañá é a emisión en directo de Petiscos no Derby, edición especial do podcast Café Derby 21, creado por Carme D. Prol, Adrián Lede e Nico Carreira. Esta creación sonora nace de conversacións na cociña dun piso de estudantes e busca analizar a actualidade da cultura galega.

Nesta ocasión estarán acompañados de creadores de contido como as tiktokers Totakeki, Meryfos e Sara Seco, e las creadoras do programa Todo Mal, Carla Núñez e Marcos López (autor tamén do proxecto satírico Telejaita).

Esa mesma tarde, continúa o talento galego co Pitching de proxectos de serie web en galego, a partir das 18h30. Os finalistas do certame presentarán os seus proxectos ante un xurado especializado que decidirá que proposta levará 3.000 euros para financiar a súa obra.

Pouco despois, ás 20h00, terá lugar a estrea en exclusiva do proxecto que foi seleccionado o ano pasado, Mentres non chova, unha obra creada por Carla Mojón, Xiana Rei Martiz e Luiza Velizarova. A webserie trata unha realidade distópica na que un malvado empresario busca instalar unha cúpula xigantesca que protexa toda Galicia da chuvia, para así aumentar os seus beneficios económicos.

O talento galego non so estará sobre o escenario, este ano o Carballo Interplay decidiu colaborar directamente con A Cousa, un medio nativo dixital creado en 2021 por xente nova da xeración Z que estará narrando o festival directamente dende dentro e ensinando a “cara B” de todo o que ocorre. A súa equipa está formada por Isabel Gutiérrez, Xulia Lomba, Yaiza López e Aida Vilariño.

Deste xeito, o Carballo Interplay consolídase coma un festival que busca impulsar a creación en Galicia e en galego en todos os ámbitos, convertíndose en punto de encontro de creadores e creadoras do país, con unha década de experiencia e experiencias ás súas costas.

Ao longo dos próximos días, a organización continuará desvelando o resto de la programación, que contén unha Zona PRO dedicada á industria audiovisual, charlas, shows, talleres e espectáculos.


Enlaces

Feader Ministerio de agricultura, alimentaci?n y medio ambiente Xunta de Galicia Deputaci?n da Coru?a Galicia Agader Costa da Morte - Terra Atl?ntica