Carballo a un paso

Inicio // Artigos // Un antes e un despois do turismo na Costa da Morte

Compartir:

Un antes e un despois do turismo na Costa da Morte

Carballo, presente en Fitur a través dos proxectos Os fogóns do Anllóns e Destino Starlight

Presentación de

Presentación de "Os fogóns do Anllóns"

A feira de turismo máis importante de España, Fitur, é o escenario da presentación de dous ambiciosos proxectos que van marcar un antes e un despois do turismo na Costa da Morte. E nos dous está presente Carballo.

Na xornada inaugural tivo lugar a presentación de Os fogóns do Anllóns, o proxecto impulsado polos cinco concellos das ribeiras do noso río a través de Turismo da Deputación da Coruña, e que formará parte do Plan territorial de sustentabilidade turística de enogastronomía de Galicia. No acto participaron o concelleiro de Promoción Económica e Turismo e vicepresidente da Deputación, Xosé Regueira; o alcalde de Cabana, José Muíño; a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, e a cociñeira carballesa Rocío Martínez, do restaurante Pementa Rosa.

A gastronomía local é o eixo central do proxecto, que ten un orzamento de 1,5 millóns de euros, pero non o único, porque con Os fogóns do Anllóns tamén se aposta pola mellora da competitividade do sector turístico, pola transición dixital e pola sustentabilidade do territorio a través de accións como a creación dunha rede de miradoiros e de novos espazos como praias fluviais ou a posta en marcha de servizos de paseo en embarcacións, alugueiro de bicicletas ou rutas de cicloturismo.

Entrega da certificación de Destino Starlight

Entrega da certificación de Destino Starlight

Fitur tamén foi escenario este xoves da entrega da certificación da Costa da Morte como destino starlight, noutro acto no que volveron a participar Xosé Regueira e Nava Castro, nesta ocasión xunto coa presidenta de Costa da Morte Asociación Turística (CMAT), Mónica Rodríguez; a directora da Fundación Starlight, Antonia Varela, e o físico Jorge Mira.

A corporación municipal aprobou no pleno de setembro a adhesión do Concello de Carballo á Declaración sobre a defensa do ceo nocturno e o dereito á luz das estrelas, un paso imprescindible que deben dar todos os concellos integrados na CMAT (Costa da Morte Asociación Turística) para que esta gran comarca puidese obter a certificación de Destino Turístico starlight.

A materialización da iniciativa suporá, tal como indicou Xosé Regueira, “o desenvolvemento do turismo astronómico que protexe a calidade do ceo nocturno, non só como un recurso cultural, científico e natural que está en risco, senón tamén como unha oportunidade de xerar un produto turístico de calidade e diferenciado”.


Vídeos

Feader Ministerio de agricultura, alimentaci?n y medio ambiente Xunta de Galicia Deputaci?n da Coru?a Galicia Agader Costa da Morte - Terra Atl?ntica