Carballo a un paso

Inicio // Artigos // Música digna de Goya para Carballo

Compartir:

Música digna de Goya para Carballo

O premiado e recoñecido compositor carballés, Sergio Moure, nominado aos premios Goya en 2004, creará unha sinfonía sobre a nosa terra

O carballés Sergio Moure

O carballés Sergio Moure

28 de setembro de 2022 - Carballo e Bergantiños terán unha sinfonía propia, e ademais composta por un carballés, Sergio Moure de Oteyza, músico de prestixio internacional que naceu e viviu no noso concello ata os 13 anos de idade. O compositor anunciou que xa está a traballar nesta obra, coa intención de presentala na próxima primavera. El mesmo explica que esta obra sinfónica de gran formato está “dedicada a esta terra, lugar da miña infancia e dos meus recordos. Levo varios anos pensando e reflexionando sobre este proxecto, e ademais é algo que me pediu meu pai hai moitos anos, e penso que despois de máis de vinte anos dedicados á música, e traballando con orquestras sinfónicas de España e do estranxeiro, sinto que é o momento de compoñela”.

O curriculum de Sergio Moure é envexable. Entre os seus fitos están a composición da banda sonora de Inconscientes, que foi a súa primeira partitura para o cinema en 2004, conseguindo un nomeamento aos premios Goya da Academia de Cine Español e aos premios Gaudí. Ou o Premio Especial OUFF (Ourense Film Festival) en 2021 pola súa importante contribución ao cinema. Ten sido nominado seis veces aos premios Mestre Mateo da Academia Galega do Audiovisual con diferentes bandas sonoras para distintas longametraxes e producións audiovisuais, a última en 2018 co documental La batalla desconocida, que trata sobre a explotación do wolframio en Galicia durante a Segunda Guerra Mundial, e na que Carballo e o Monte Neme xogaron un papel fundamental. Versátil e prolífico, tamén ten composto bandas sonoras para danza, teatro, películas de animación ou curtametraxes; ten colaborado en traballos discográficos con artistas como Rosa Cedrón; e tamén é un compositor de música para orquestras como a Sinfónica de RTVE, ou as Sinfónicas de Málaga, Sevilla, Euskadi, e, por suposto Galicia.

Legado

Neste caso, a Sinfonía dedicada a Carballo e Bergantiños é un encargo do Concello de Carballo. Como explica o alcalde da vila, Evencio Ferrero, “na xestión municipal hai que atender o urxente, pero tamén é importante acertar no importante”. O rexedor lembrou a orixe carballesa do compositor e a vinculación cultural que tivo, de sempre, a súa familia. “Desas landras, e do sitio onde un deu os primeiros pasos e tivo as primeiras amizades, que queira deixar un legado coma este é moi de valorar. E agardamos que este proxecto, que a nós ilusiónanos tantísimo, tamén ilusione ao conxunto da sociedade carballesa e da comarca de Bergantiños”.


Ligazóns

Feader Ministerio de agricultura, alimentaci?n y medio ambiente Xunta de Galicia Deputaci?n da Coru?a Galicia Agader Costa da Morte - Terra Atl?ntica