Carballo a un paso

Inicio // Artigos // Volve o FIOT con nomes como Leo Bassi, Blanca...

Compartir:

Volve o FIOT con nomes como Leo Bassi, Blanca Portillo, Touriñán, Chévere...

O Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo celebra a súa 31ª edición do 30 de setembro ao 31 de outubro: todo en www.fiot.gal

FIOT 2022

21 de setembro de 2022 - O Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo, o FIOT, o certame escénico de referencia en Galicia, festexará a súa 31 edición do 30 de setembro ao 31 de outubro, cun completo programa dun mes de funcións e actividades para todos os públicos. Este ano, baixo o lema #VocesFIOT, o festival aposta pola visualización da singularidade e da identidade das compañías que conforman a súa programación. Visións, propostas e voces moi diferentes, moi persoais e singulares. Todas elas confirman que no FIOT collen todas as voces e todos os públicos: o programa do festival procura, precisamente, esa diversidade, conscientemente, coa intención de chegar a un amplo e diverso abano de espectadores. Ademais, o FIOT celebra neste 2022 unha firme proposta artística, na que destaca o seu gusto polo teatro de autor; a súa ambición pola calidade e diversidade e o seu compromiso con creadoras emerxentes. Á vez, o festival convidará ao público a facer memoria e recuperar historias de diferentes xeracións. Pero este ano o FIOT recordará especialmente a Pedro Brandariz cunha homenaxe no ciclo que tantas veces acolleu o seu humor único: a Rúa dos Contos.

39 espectáculos, 8 estreas absolutas, 9 estreas en Galicia e 2 coproducións conforman o cartel do #FIOT31

O FIOT decorrerá desde o venres 30 de setembro cunha chea de propostas para todos os públicos a través das diferentes liñas de programación que conforman o festival: Programa de Sala, OTNI, FIOT en Ruta, Teatro de Rúa, Rúa dos Contos, Metro Cadrado, FIOTeen e Fiotiño volverán encher de actividade escénica Carballo. A sección de actividades paralelas, nomeada En Paralelo, acollerá dúas exposicións, dúas xornadas profesionais e outras propostas culturais

Os nomes deste FIOT

Presentación do FIOT 2022

Presentación do FIOT 2022

Nesta 31ª edición o festival contará con figuras únicas das artes escénicas, como Leo Bassi, quen debutou en Galicia hai 25 anos precisamente no FIOT. Aquela actuación propiciou un cambio relevante na historia do certame: a promoción dunha programación de artistas con voces moi diferentes e persoais. A recuperación de Leo Bassi, coa estrea en Galicia de 70 años: Leo Bassi, afonda nesta idea das #VocesFIOT. Outras voces imprescindibles do panorama escénico tamén estarán no FIOT. É o caso de Blanca Portillo e o seu Silencio, creación de Juan Mayorga; da estrea en Galicia de La voluntad de creer, a última obra de Pablo Messiez; e, como non, a celebración do 30º aniversario de Mofa e Befa. O FIOT estreará a súa nova obra, Pirolíticos; a exposición ‘Trinta anos de Mofa e Befa’; Evaristo Calvo recibirá o galardón Xograr de Outono 2022 e o dúo será protagonista dunha actividade específica, no marco do festival, no que outro evento senlleiro de Carballo, Derrubando Muros, colaborará co FIOT.

Polo Programa de Sala tamén pasará a nova creación do Centro Dramático Galego e Ainé, Recortes, caneos e outras formas de driblar, dirixida por Tito Asorey, con Xose A. Touriñán e con texto de Nacho Carretero; ou unha das sensacións do teatro arxentino, Sambuseck, con Imparable. E a Carballo tamén volverán dúas compañías clave das artes escénicas a nivel estatal para estrear en Galicia as súas últimas creacións: Pont Flotant (Eclipse Total) e Titzina (Búho).

Rúa dos Contos

O FIOT naceu hai 31 anos para xerar toda unha estrutura escénica. Por iso conta cunha liña de programación específica de apoio á narración oral, a Rúa dos Contos, que este ano regresa aos bares e rende homenaxe a Pedro Brandariz. Figuras como Alberte Montes, Marta Doviro, Óscar Terol, Good Sex Maritxu, Marta Iglesias ou Quico Cadaval estarán en Carballo, ademais das voces emerxentes e virais de Pablo Meixe e Adrián do Regenco. O festival manterase na rúa e no espazo público para celebrar o circo e as iniciativas para todos os públicos: o Teatro de Rúa, que este ano se celebrará na Praza do Concello os venres 30, 7 e 14; ao igual que boa parte das obras do Certame Metro Cadrado, que este ano celebra a súa sexta edición con 4 estreas absolutas de figuras recoñecidas ou novas compañías do sector a nivel autonómico. Serán pezas site-especific que se realizarán en seis localizacións diferentes de Carballo.

OTNI

O apoio á creación estará presente a través da coprodución de pezas como Pirolíticos, de Mofa e Befa, ou Wombo Combo, da compañía de Carballo Galeatro; ao igual que o apoio á investigación e ao tecido emerxente coa celebración de residencias (Natalia Fernandes) ou do Certame Metro Cadrado; así como a visualización de novos formatos e novidosas propostas escénicas, a través da liña de programación OTNI. Esta contará con dúas estreas en Galicia (Beautiful Stranger, en colaboración con Camiño Escena Norte; e Conferencia espectacular, de David Espinosa). O OTNI completarase coa participación de Patricia de Lorenzo, do Grupo Chévere e Xograresa de Outono, e o seu Pequenas mentiras para contar grandes verdades; e da compañía madrileña Amor Total con Freak.

Xornadas profesionais e avance na inclusión

O FIOT naceu coa vocación de xerar e impulsar o tecido escénico, pero tamén como espazo de encontro para públicos, compañías e axentes culturais. Por iso, durante o #FIOT31 celebranrase xornadas profesionais da asociación Escena Galega ou do Colectivo NOGA, ademais da visita do alumando do CEU de Xestión Cultural da Universidade de Santiago. Á vez, o certame serve como rede para espallar e descentralizar a actividade escénica pola comarca de Bergantiños: o teatro chegará aos centros sociais de Verdillo e Ardaña co FIOT en Ruta ou á residencia de maiores de Carballo coa Rúa dos Contos.

O FIOT é moito máis que unha programación de espectáculos. É un motor para as artes escénicas galegas. Esa filosofía de rede, de xerar comunidade, de proxecto de continuidade ou de amosar outras realidades sociais periféricas é a súa base. Esa sustentabilidade pola que aposta o FIOT desde hai anos avanza, neste 2022, un paso máis: o programa do FIOT31 introduce a inclusión. O festival incorpora dúas funcións que serán accesibles en lingua de signos. Trátanse de accións pequenas de nacen con vocación de continuidade e que, de novo, visualizan o compromiso do FIOT por ser máis sustentable e inclusivo.

ENTRADAS

  • BONOS PROGRAMA DE SALA
- Martes 20 a domingo 25: asociadas AC Telón e Aparte en www.ataquilla.com

- A partir do martes 27: público xeral en www.ataquilla.com

  • BONOS E ENTRADAS RÚA DOS CONTOS
- A partir do mércores 21 de setembro en www.ataquilla.com

  • FUNCIÓNS RÚA DOS CONTOS EN LOCAIS DE HOSTALARÍA CON ENTRADA
- A partir do mércores 21 de setembro nos locais ou en www.ataquilla.com

  • ENTRADAS SOLTAS PARA PROGRAMA DE SALA, OTNI, FIOT EN RUTA
- A partir do martes 27 e até o día anterior a cada función en www.ataquilla.com


TODA A INFO EN FIOT.GAL! Vémonos no teatro!


Feader Ministerio de agricultura, alimentaci?n y medio ambiente Xunta de Galicia Deputaci?n da Coru?a Galicia Agader Costa da Morte - Terra Atl?ntica