Carballo a un paso

Inicio // Artigos // O mar, o mundo dos soños e o pan: protagonistas...

Compartir:

O mar, o mundo dos soños e o pan: protagonistas dos novos murais para Carballo!

Derrubando Muros - Edición Verán pecha con cinco novas obras realizadas por artistas de Carballo e a Costa da Morte na zona dos Baños Vellos

30 de agosto de 2022 - Despois de doce días intensos de andamios, compañeirismo, traballo e moita, moita pintura, Carballo conta con cinco novos murais que sumar á súa colección de arte urbana. Andrés UrbietaNerea BarrientosNerea Vilariño e Viki Rivadulla foron os artistas encargados de darlle nova vida a paredes da vila e Nere Rama e Isa Bermúdez as que coordinaron un Obradoiro de iniciación ao muralismo que acabou creando outra nova obra de arte urbana para Carballo e na que colaboraron catro veciños e veciñas: María Barca, Tamara Calvo, Ramón Lema e Sara Vilariño.

Este ano todos os murais de Derrubando Muros con Pintura Edición Verán están situados na zona dos Baños Vellos e da antiga estación de autobuses. Zona que foi tamén o escenario das actividades paralelas realizadas durante o festival. Houbo actividades infantís, música, un monólogo e un encontro público coas autores e o autor destas novas obras de arte. Moita diversión nunha nova cita coa arte e as paredes de Carballo que xerou moita expectación entre a veciñanza, dado a situación tan céntrica dos murais e á presenza de artistas locais.

MURAL A MURAL

  • A Percebeira - Viki Rivadulla. Rúa Pontevedra. Ela mesma describe o seu mural: Derrubamos os muros para ver o mar. A vista acada agora ata Razo, ata a Percebeira. Na súa costa traballan homes e mulleres que arriscan a vida entre salseiros e golpes de mar. Para elas e eles é este mural. E de entre todos eles, para Paco Souto. O poeta percebeiro de mans xenerosas e mirada limpa. A iconografía do mural é una alegoría da Percebeira que xoga co dobre sentido da palabra: a pedra e a traballadora percebeira. Agora o mar de Razo chega ata a rúa Pontevedra para que entre o ir e vir da vila, sintamos o arrecendo do salitre e se escoite a voz de Paco.

  • Oniria - Nerea Vilariño. Rúa Pontevedra. A palabra oniria ven do concepto de onirismo, o cal é un estado no que a persona perde consciencia da realidade e entra noutro onde se enfrenta a alucinacións. A temática que representa a artista é algo así como os Soños Lúcidos, onde a persoa é consciente de encontrarse soñando e ten un maior control sobre o que fai ou vive no soño. Obviamente a escea do mural trata un surrealismo detectable onde as baleas voan sobre as nubes como se de paxaros se tratara.

  • Liberdade - Nerea Barrientos. Rúa Arcebispo Romero de Lema. O título do mural é Liberdade e os paxaros semellan unha boa forma de representala.Todos temos dereito a vivir a nosa vida e o noso momento, voar con total liberdade, perseguindo a felicidade con un mesmo.

  • Mar do Norte - Andrés Urbieta. Rúa Pontevedra esquina con Baños Vellos. O mural deste carballés fala do mar de Razo. Dos mariñeiros que se meten no medio das augas bravas para conseguir alimento. Dos animais que habitan o mar, coma os polbos e os peixes. E tamén inclúe un miradoiro e un posto de socorrismo, para quen desfrutan o mar sen tanto perigo.

    • Pan de Carballo - Obra colectiva. Aparcadoiro da rúa Pontevedra. Deseño de Nerea Barrientos e Isa Bermúdez. Pintado no Obradoiro de iniciación ao muralismo coa colaboración de María Barca, Tamara Calvo, Ramón Lema e Sara Vilariño. O mural amosa as diferentes etapas de elaboración do pan de Carballo, que tanta sona ten. O trigo, a fariña, o amasado, a feitura do molete, o forno e molete xa feito.

    Cinco novos murais de distintos temas e estilos que enchen unha vez máis de cor e de arte e fantasía as rúas de Carballo. Recomendamos a todo o mundo velos en persoa, porque sempre paga a pena. Seguimos Derrubando Muros con Pintura!


    Feader Ministerio de agricultura, alimentaci?n y medio ambiente Xunta de Galicia Deputaci?n da Coru?a Galicia Agader Costa da Morte - Terra Atl?ntica