Música, arte, cine e libros, moitos libros do 7 ao 10 de xullo en Carballo!
Volve a Praza dos Libros, a Plic!, ao Xardín Municipal cun programa cheo de actividades para todas as idades e que acreditan o compromiso coa cultura
O xoves 7, día de mercado e de inauguración da plic! co pregón de Xan Fernández Carrera, todas as persoas que merquen un libro serán agasalladas cun pack de atún Calvo; e o domingo, día de feira e de despedida da Praza dos Libros, os libreiros e as libreiras entregarán un moletiño de pan de Carballo con cada venda. Ademais con cada libro que compredes teredes unha tarxeta rasca coa que poderedes conseguir premios directos. Non hai que esquecer tampouco que todas as expresións artísticas collen na Plic!, polo que o sábado 9 de xullo ás 21.00 h. hai unha visita guiada polos murais de Derrubando Muros con Pintura. Pedide máis info nos teléfonos 981 702 077 e 698 156 402.
Unha nova Praza!
10% de desconto en todos os libros, rascas con premios directos e ademais agasallamos pan e atún!
A Praza volve logo dunha ausencia forzosa pola pandemia, e o Concelleiro de Cultura, Marcos Trigo, asegura que "quixemos romper totalmente, xa que houbo un parón grande durante estes anos, e esta nova imaxe, do ilustrador carballés Juan Gende, é como un novo renacer”. Na presentación da plic! estiveron tamén Chano Calvo, en nome da Fundación Luis Calvo Sanz, que volve a colaborar no desenvolvemento da Praza dos Libros, unha representación dos libreiros e das libreiras participantes, e o Alcalde, Evencio Ferrero, quen destacou que a plic! vai máis alá da literatura e convértese nunha feira da creatividade cultural, poñendo en valor outro tipo de manifestacións que permiten “facer ver á xente que a cultura é todo un conxunto e que, para nós, a cultura en Carballo sempre será unha prioridade”.
Xa sabedes, tendes unha cita do 7 ao 10 de xullo, coa cultura, coa creatividade cultural, cos libros e con Carballo!