Carballo a un paso

Inicio // Artigos // Coñece a costa carballesa este verán con Eu...

Compartir:

Coñece a costa carballesa este verán con Eu ❤️ Razo-Baldaio

O programa divulgativo de turismo consciente cumpre catro anos cunha nova quenda de actividades entre o 29 de xuño e o 25 de agosto

Cartel de Eu ❤️ Razo-Baldaio 2022


20 de xuño de 2022 - Convidámoste a coñecer a costa de Carballo dun xeito diferente! Se estás de visita na Costa da Morte ou no noso municipio, tes a oportunidade de ver o noso litoral baixo unha ollada diferente, que deixa por unhas horas os baños, os paseos e as tumbonas para participar activamente en actividades na nosa contorna natural. Desde hai xa catro anos veciñanza e visitantes da Costa da Morte teñen a oportunidade de participar no proxecto Eu ❤️ Razo-Baldaio, que pretende crear hábitos de turismo consciente. Rutas, obradoiros sobre flora e fauna, saídas nocturnas e ornitolóxicas, visitas ao noso patrimonio ou mesmo o coidado da da nosa costa son algunhas das actividades nas que podes participar este verán. Así que, se durante os meses de xullo e agosto estás por Carballo ou arredores e queres coñecernos dun xeito diferente, anímate a participar! Todas as citas son de balde! (*aínda que moitas con inscrición previa, consultade as condicións).

Un ano máis o Concello colabora con entidades que veñen desempeñando accións relacionadas coa sustentabilidade da costa, este ano con algunhas incorporacións que contribuirán a seguir enriquecendo o verán: Hábitat, Adega, Senda Nova, Cemma e Ío. O obxectivo é a posta en valor do espazo natural que conforma a nosa costa co convencemento de que canto máis se coñeza, máis se vai respectar. Ademais das accións propostas polas entidades, desde o propio Concello tamén se propoñen unha serie de iniciativas que se indican no programa do proxecto. Os grupos serán moi reducidos debido á sensibilidade da contorna e ao uso sustentable que queremos promover na mesma. A grande maioría das citas terán lugar todos os mércores e sábados, ademais de algún domingo puntual e as datas son entre o 29 de xuño e o 25 de agosto. As persoas participantes deberán achegarse polos seus propios medios ao punto onde se desenvolverán as actividades.

Novidades

Este ano, ademais, tamén queremos dar conta dalgunhas novidades:

  • Para empezar, haberá un obradoiro de Restauración da píllara de vimbio. Os días 29 e 30 de xuño, no campo de Razo, haberá un obradoiro impartido por Idoia Cuesta. Despois de varios anos, a nosa píllara precisa mudar a súa “plumaxe” de vimbio, e ademais durante o mércores de 16.00 a 20.00 h. máis o xoves de 11.00 a 14.00 e de 16.00 a 20.00 h., terás a posibilidade de aprender técnicas de trenzado de vimbio da man dunha das mellores artesás do mundo, Premio Nacional de Artesanía, artesá de referencia de Loewe e moitísimos premios máis.
  • Un novidade moi divertida e didáctica vén da man do colectivo CEMMA, que desenvolverá unha actividade na que aprenderemos como debemos intervir no caso de que se atope un cetáceo varado na beira do mar. Na praia de Razo.
  • Outra das novidades é a celebración dunha Noite de astronomía. As persoas participantes poderán achegarse á ponte grande de Baldaio, de 22.30 a 1.30 h. e desde alí recibirán as nocións básicas para poder desfrutar da observación das estrelas.
  • Este ano introducimos outra novidade: celebraremos a Festa da praia, unha actividade para desfrutar en familia que contará con más de 25 xogos diferentes, carpas, música, fornos solares, circo e moitas sorpresas mais.

CALENDARIO COMPLETO DE ACTIVIDADES

* Podedes acceder aos formularios de inscrición e a info detallada sobre cada cita clicando no título de cada unha delas

XUÑO

XULLO
AGOSTO

Bibliopraia

A oferta de Eu ❤️ Razo-Baldaio complétase coa Bibliopraia, un lugar onde xestionar o empréstito de libros. Teñas ou non carnet das Bibliotecas de Carballo, poderás achegarte, dar os teus datos e coller un libro para ler na praia! O horario é o seguinte:

  • Xullo: de luns a venres de 13.30 a 17.30 h.
  • Agosto: de luns a venres de 13.30 a 16.30 h.


Descargas

Feader Ministerio de agricultura, alimentaci?n y medio ambiente Xunta de Galicia Deputaci?n da Coru?a Galicia Agader Costa da Morte - Terra Atl?ntica