A IX edición do Carballo Interplay reivindicou o podcast e o audiovisual galego
A maioría das actividades do festival están dispoñibles en Youtube; ademais, xa podedes ver o video resumo cos mellores momentos
NOVAS RELACIONADAS:
- Querida Conchi e Amnesia 3.0 conquistan o palmarés do IX Carballo Interplay
- O Interplay reúne en Galicia ás voces máis relevantes da Internet en España
- Dezaseis webseries de todo o mundo compiten na sección oficial do IX Carballo Interplay
- O Carballo Interplay defende o talento autóctono
- Aberto o prazo para presentar series ao Carballo Interplay
19 de abril de 2022 - O Carballo Interplay cumpriu este 2022 nove anos de vida convertido no festival de contidos dixitais máis importante do Estado. Unha cita de referencia para o sector dixital global que cada ano ofrece, dende Carballo para o mundo, unha panorámica da innovación na rede a nivel galego, español e internacional, cunha completa Sección Oficial con webseries de todo o mundo e cun programa de actividades que converten o Interplay nun espazo para o talento e a creatividade, mais tamén para a liberdade, a transgresión, a disidencia e a loita polo futuro. O festival vén de estrear o vídeo resumo desta edición na que, ademais, a maioría das actividades están dispoñibles en Youtube e son de acceso libre e gratuíto.
"O Interplay consegue traer a un concello coma o de Carballo o mellor do mundo dixital a nivel estatal", resume o Concelleiro de Promoción Económica e Turismo da localidade, Xosé Regueira. Sonia Méndez, directora do festival, celebrou poder volver á presencialidade por segundo ano consecutivo, mentres que o Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, lembra o seu primeiro contacto co festival: "Hai nove anos, Xosé Regueira dixo que se quería facer un festival de webseries, con xente moi capaz e con moitas ganas, e cando escoitei por primeira vez neste auditorio que non gardaramos os móbiles, que se podían sacar fotos e se animaba a subilas ás redes, souben que era un festival distinto".
O concelleiro e promotor do evento insiste na importancia dun festival que "aglutina talento e creatividade, o que pode salvar un mundo que pasa por momentos especialmente complicados", e expresa a súa confianza en que "as xeracións Z e Y fagan un mundo mellor". Recalca tamén que "no auditorio do Pazo da Cultura de Carballo nunca houbo barreiras nin de lingua nin de xénero", tal e como tampouco as hai nas redes sociais e plataformas nas que se retransmite o festival, que a pesar de ter recuperada a presencialidade con unha gran afluenza mantén a súa presencia online para todas aquelas persoas que non se poidan achegar á vila de Carballo ou que queiran disfrutar das actividades de xeito asíncrono, na comodidade das súas pantallas, de xeito libre e gratuito.
UN FESTIVAL PARA DEFENDER O PODCAST E O AUDIOVISUAL GALEGO
Gravación de Gen Playz | 📷 Leo López
O Interplay comezou coa gravación dun "Dinosaurio" protagonizado polo actor Xulio Abonjo, dentro do Obradoiro Kamikaze, que se proxectou o mércores, na apertura do festival. O xoves tivo lugar en Carballo a presentación do certame Dinoescolas, que ten como obxectivo a incentivación e o fomento da creación de contidos audiovisuais orixinais en lingua galega para a súa difusión por internet mediante a creación de capítulos da serie Dinosaurio. Ademáis, o gañador do concurso de proxectos de serie web 2020, David Fidalgo, amosoulles a súa obra, unha webserie de animación 2D dixital chamada Cacola.
A continuación, as escolas, institutos e centros superiores que visitaban o Carballo Interplay tiveron a oportunidade de vivir a gravación de Petiscos no Derby, un formato especial para o Carballo Interplay do podcast Café Derby, onde se xuntaron caras tan relevantes para a internet galega como Tamara Pazos, divulgadora científica, Olaxonmario, youtubeiro e podcaster, Berto, músico, Esther Estévez, do programa da RTVG Dígocho Eu, ou Prado Rúa, tiktoker. Ese mesmo día comezaron as proxección de series da Sección oficial co bloque de Outra Historia, no que se proxectaron obras coma Os tempos mortos do Fuhrer, Simón dice, Elisa e Marcela, "unha visita no tempo", Lordson and Jesus ou Resistance, a serie que acabaría gañando o premio do público.
A continuación, tivo lugar o Pitching de proxectos de serie web en galego, onde se presenciou a defensa de ideas para webseries coma Nómades, Pesadelos, Dra Paciente ou Mentres non chova, un thriller climático contado a través das pantallas dos teléfonos móbiles das súas protagonistas que conseguía convencer a un xurado formado por María Yañez, Nati Juncal e Xulio Abonjo para alzarse co trofeo e os 3.000 euros de premio necesarios para rodar os seus primeiros episodios, que serán estreados na décima edición do Carballo Interplay. Ás 20:00 vivíuse un momento máxico para Carballo e para Galicia en xeral, no que 200 persoas privilexiadas tiveron a oportunidade de vivir a gravación en directo dun programa Gen Playz centrado en Galicia e nos galegos, con invitadas como Aida Tarrío, Esther Estévez, Ortiga, Malva ou Tamara Pazos, presentado por unha Inés Hernand que abría o programa con unha botella de licor café na man e remataba abrazada á bandeira galega. E pola noite non se podía menos que celebrar o décimo aniversario da webserie Angélica e Roberta, coa proxección especial do seu último episodio e visitas de moitas das persoas que acompañaran ás dúas protagonistas ao longo dos anos.
ZONA PRO
Gala de entrega de premios | 📷 Leo López
O día seguinte comezaba coa Zona PRO, dedicada ao formato podcast, con profesionais e productoras como Radio Primavera Sound, Podium Podcast, Radio Galega Podcast, Manuel Bartual, Carmen Pacheco ou as creadoras de Las Hijas de Felipe. Fíxose tamén un repaso doutros festivais do mundo do audiovisual, en compañía de representantes do Memefest, Tracking Bilbao e Serielizados, seguido dunha charla sobre a situación do podcast en Galicia con Podgalego. A tarde estreabase coa proxección do segundo bloque da Sección Oficial, Movidas Humanas, na que o se viron algunhas das series premiadas no Palmarés como Dhanasri, Julies e as pantasmas, premio do xurado novo, Querida Conchi, premio a mellor serie, ou Amnesia 3.0, premio a mellor serie galega.
E sen abandoar o mundo das webseries, ás 18h30 tiña lugar a esperadísima estrea da serie Pringadas, de Belén Puime, gañadora do concurso de proxectos do ano anterior grazas ao seu relato en clave de comedia da realidade da xeración z e as dificultades ás que se teñen que enfrontar. Sen abandoar o auditorio do Pazo da cultura de Carballo, volveron os podcasts á edición grazas á gravación en directo de Tardeo, un dos programas máis representativos de Radio Primavera Sound, capitaneado por Andrea Gumes en compañía de Las hijas de Felipe e Nerea Pérez de las Heras, e remataban a noite Ana Polo e Asaari Bibang, dúas das mellores cómicas españolas do momento, con dous monólogos moi cargados de activismo feminista e antirracista.
O último día, o sábado 9, brindaba a oportunidade de cursar xunto ao experto Manuel Bartual un obradoiro de podcast sobre ficción sonora, mentres que continuaban as charlas con unha mesa redonda de Activismo, divulgación e feminismos na rede con Nerea Pérez de las Heras, Eugenia Tenenbaum, Ana Polo e Asaari Bibang. Amenizaba a comida a sesión vermú de Marta Salicrú, directora de Radio Primavera Sound, antes de chegar á ultima proxección de webseries, co bloque Mix de trasnadas. Encargábase da última charla do festival Elizabeth Duval, filósofa e escritora, co seu Código Fonte Audiovisual, "Cartas a las chicas del 2000", e chegaba xa a esperada gala de entrega de premios, "A Desfeita!", organizada polo colectivo Porco Bravú coa axuda indubidable do tiktoker Pablo Meixe.
O xurado composto por Marta Salicrú, Betu Martínez, Víctor Sala, Lucía Estévez e Ángela Andrada outorgoulle a Querida Conchi o premio a Mellor serie, dotado con 800 euros e trofeo, e a Lordson and Jesus o de Mellor guión, dotado con 200 euros e trofeo. O de Mellor serie en versión orixinal en galego, dotado con 800 euros e trofeo, foi para Amnesia 3.0, serie nacida no propio Carballo Interplay a través do concurso de proxectos. O premio para Mellor dirección, dotado con 200 euros e trofeo, para a canadiense The Communist's daughter, unha comedia política ambientada durante o mandato de Ronald Reagan .
PALMARÉS
- Mellor serie, dotado con 800 euros e trofeo: Querida Conchi
- Mellor serie versión orixinal en galego, dotado con 800 euros e trofeo: Amnesia 3.0
- Premio do xurado novo, dotado con 400 euros e trofeo: Dhanasri, Julies e as pantasmas
- Premio do público, dotado con 400 euros e trofeo: Resistance
- Premio a mellor guión, dotado con 200 euros e trofeo: Lordson and Jesus
- Premio a mellor dirección, dotado con 200 euros e trofeo: The Communist's daughter
- Premio a proxecto de serie web en galego, dotado con 3.000 euros e trofeo: Mentres non chova