Volve a carreira 10K Carballo!
O prazo de inscrición estará aberto até o 31 de maio e haberá unha Fila 0 solidaria de Cruz Vermella para colaborar co pobo ucraíno
Tanto para a proba absoluta (deportistas nados/as antes do 2004) como para a carreira adaptada, establécese unha cota de 5 euros. A participación no resto das categorías (sub18/sub16, sub14/sub12, sub 10, pitufos dende o ano 2015 ata o 2018, e biberón para os/as nados/as no 2019) será gratuíta. As inscricións poden realizarse a través da páxina web <10k.carballo.gal> até o 31 de maio.
Solidariedade
A carreira popular do Concello de Carballo incorpora este ano, por primeira vez, unha fila 0 solidaria. Coa finalidade de axudar a Ucraína, o importe procedente desa fila 0 destinarase ao pobo ucraíno a través da Cruz Vermella de Carballo. Outra das novidades desta edición tan especial serán os premios en metálico:
- 1º clasificado e 1ª clasificada 10K: 300 €
- 2º clasificado e 2ª clasificada 10K: 200 €
- 3º clasificado e 3ª clasificada 10K: 100 €
- Récord da proba: 300 € (o récord actual é de 32:02)
- 1º carballés e 1ª carballesa: trofeo e material deportivo valorado en 150 €
Ademais, a Concellaría de Deporte porá varios servizos a disposición dos/as participantes, como un punto de avituallamento, duchas e fisioterapia. A recollida de dorsais e chips poderá realizarse o mesmo 5 de xuño a partir das 8.00 horas e ata 20 minutos antes da saída de cada categoría, ou ben o sábado 4 de xuño, de 10.00 a 14.00 e de 16.00 a 20.00 horas, no Mercado Municipal. Os/as participantes deberán presentar certificado de vacinación contra a COVID-19, test de antíxenos ou PCR negativa realizados nas 72 horas anteriores ou proba de ter padecido a enfermidade nun período comprendido entre os 11 e os 180 días anteriores á celebración da proba.
Non perdades a mellor cita co atletismo en Carballo!