Carballo a un paso

Inicio // Artigos // Percorre Carballo a través da súa arquitectura!

Compartir:

Percorre Carballo a través da súa arquitectura!

A exposición Carballo. Guía ilustrada de arquitectura, pode visitarse no Museo de Bergantiños do 30 de marzo ao 30 de abril no horario habitual

Inauguración da exposición Carballo. Guía ilustrada de arquitectura

Inauguración da exposición Carballo. Guía ilustrada de arquitectura | 📷 Turismo Carballo

NOVAS RELACIONADAS:
Coñece Carballo a través dos seus edificios!
Carballo percorre os seus edificios máis emblemáticos no calendario de 2022


30 de marzo de 2022 - Carballo sempre presume das súas praias dos seus ríos e férvedas, da súa arte urbana, das súas xentes. É menos coñecida a súa paisaxe urbana, que agora convidámosvos a descubrir a través de "Carballo. Guía ilustrada de arquitectura". Do 30 de marzo ao 30 de maio, o fermoso patio interior do único edificio público do século XIX que se conserva en Carballo, o Museo de Bergantiños, albergará 20 paneis que permiten realizar un percorrido pola arquitectura dos barrios urbanos e mesmo recrearse coas imaxes e os planos de edificios e espazos públicos xa desaparecidos, como a Casa da Condesa, a capela da Estrela, os Baños Vellos ou o Paseo dos Tileiros. A mostra inclúe tamén unha serie de material complementario arredor do traballo realizado por Xaime Díaz Alonso coa colaboración de Diego Díaz Mosqueira e Clara Díaz Pan.

A mostra pode verse no fermoso patio interior do único edificio público do século XIX que se conserva en Carballo

O proxecto arredor da arquitectura carballesa comezou xa a finais de 2021 co reparto dun almanaque que recolle imaxes e planos dos principais edificios da vila; continuou coa creación dun fermoso skyline con eses mesmos edificios; e seguiu coa presentación e reparto gratuíto dun libro no que se recolle toda esa arquitectura. Carballo. Guía ilustrada de arquitectura é o resultado de moitos anos de traballo e da sensibilidade especial do seu autor, Xaime Díaz, polo patrimonio, a cultura e a historia carballesas. Unha sensibilidade que comparte a cidadanía, e proba dilo é a excelente acollida que está tendo o libro, do que se levan repartido xa centos de exemplares. Se aínda non o tes podes solicitalo, de balde e ata fin de existencias, na Biblioteca Rego da Balsa ou no propio Museo de Bergantiños.

Que atoparedes na expo?

O Alcalde, Evencio Ferrero, e o responsable da exposición, Xaime Díaz

O Alcalde, Evencio Ferrero, e o responsable da exposición

A mostra persegue recoller o máis obxectivamente posible os edificios antigos e tamén os máís recentes de Carballo, ademáis dos elementos ornamentais e as intervencións nas rúas e nos espazos públicos, así como orientar aos visitantes para que poidan coñecer os barrios de Carballo. Tamén pretende poñer en valor aos arquitectos e inxeñeiros de prestixo que deixaron pegada en Carballo.

Cada unha dos 20 paneis consta dunha ficha identificativa na que se achegan datos, como a denominación habitual, a data do proxecto e realización, os técnicos que traballaron na obra e posteriores rehabilitacións, a localización na vila e un breve comentario que aporte apoio histórico e contextual para facilitar a comprensión das condicións nas que a obra foi executada. Incorpórase un código QR de Google Maps que nos dirixe ao destino correcto con un simple escaneo sen necesidade da búsqueda manual.

Ademais, atoparedes planos antigos do Arquivo municipal; publicacións como as conclusións do Curso de Verán 2012 que a Universidade da Coruña e o Concello organizaron en Carballo coa Escola Técnica Superior de Arquitectura, e que serviu de inspiración a toda a iniciativa; o almanaque de 2022; tres variantes de deseño do skyline de Carballo, marcapáxinas, camisetas...; exemplares da publicación Carballo. Guía ilustrada de arquitectura; ou seis postais de edificios da exposición, feitas a man alzada en tinta.

Agora só queda que vos acheguedes a visitala! Aquí tendes o lugar e o horario:

Oficina de Información Turística
Museo de Bergantiños

Rúa Martín Herrera, s/n
CP. 15.100 - Carballo
Teléfono: 981 702 077 / 698 156 402
museo@carballo.gal

Horario:

  • De martes a venres, de 11.00 a 14.00 e de 16.30 a 19.30.
  • Os sábados e os domingos de feira de 11.00 a 14.00.
  • Domingos non feirados e luns, pechado.


Feader Ministerio de agricultura, alimentaci?n y medio ambiente Xunta de Galicia Deputaci?n da Coru?a Galicia Agader Costa da Morte - Terra Atl?ntica