Coñece Carballo a través dos seus edificios!
Estreamos a nosa guía ilustrada de arquitectura: podedes recollela de balde tanto no Museo de Bergantiños coma na Biblioteca Rego da Balsa
23 de marzo de 2022 - Xa podedes percorrer a historia recente de Carballo a través das 99 páxinas da Guía ilustrada de arquitectura realizada por Xaime Díaz Alonso e editada grazas á colaboración da Deputación da Coruña. A través da ilustración, a fotografía e o comentario escrito, o libro, cunha presentación exquisita, recolle unha selección de edificios e espazos públicos urbanos de distintas épocas, converténdose nun auténtico catálogo do patrimonio arquitectónico de Carballo. Se queres un exemplar só tes que pedilo, de balde e ata fin de existencias, na Biblioteca Rego da Balsa ou no Museo de Bergantiños.
A obra inclúe 25 alzados e 140 fotografías de edificios que aínda perviven e doutros xa desaparecidos
Carballo. Guía ilustrada de arquitectura é o resultado de moitos anos de traballo e da sensibilidade especial do seu autor, o tamén traballador da Oficina Técnica Municipal, Xaime Díaz Alonso, polo patrimonio, a cultura e a historia carballesas. O libro inclúe 25 alzados e 140 fotografías dun total de 65 obras realizadas por 68 autores, ademais de 24 planos e 10 imaxes de arquivo do patrimonio desaparecido. Na presentación da obra, moi emocionado, Díaz Alonso fixo un percorrido por diferentes aspectos da súa traxectoria persoal, académica e profesional que desembocaron nesta publicación, na que amosa “exemplos do patrimonio carballés que nos provocan unha triste melancolía pola memoria dos bens perdidos e que se deixaron ir” pero tamén ideas e propostas para poñer en valor distintos elementos do patrimonio existente. Para ordenar e dar forma a todo o material contou coa colaboración de Diego Díaz, autor tamén das fotografías, e de Clara Díaz, responsable do deseño e a maquetación final.
Xa sabedes, se queredes facervos cun exemplar, podedes recollelo tanto na Biblioteca Rego da Balsa como no Museo de Bergantiños:
Oficina de Información Turística
Museo de Bergantiños
Rúa Martín Herrera, s/n
CP. 15.100 - Carballo
Teléfono: 981 702 077 / 698 156 402
museo@carballo.gal
Horario:
> De martes a venres, de 11.00 a 14.00 e de 16.30 a 19.30.
> Os sábados e os domingos de feira de 11.00 a 14.00.
> Domingos non feirados e luns, pechado.