Carballo a un paso

Inicio // Que facer // Eventos // Programación Cultural

Compartir:

Programación Cultural

Exposición

Carballo goza dunha dinámica vida cultural que se estende ao longo de todo o ano. Esta é, sen dúbida, unha das mellores alternativas para complementar a túa estadía con nós.

Ao longo das catro estacións ofrecémosche citas xa consolidadas que amosan o noso compromiso coa cultura e co mundo do espectáculo. Enchémosche o outono de teatro co FIOT, o Festival Internacional Outono de Teatro, unha das citas coa arte dramática máis importantes de toda Galicia, e poñémoslle melodía á estación da caída da folla co Novembro con Música.

Saudámosche o inverno coas propostas de calidade que conforman os nosos Venres Culturais, de xaneiro a abril.

Animámoste a entrar con enerxía na primavera coa innovación e a experimentación que acompañan o noso ciclo Primavera en Danza. E facémoslle o noso especial tributo a maio co Programa das Letras, ao longo de todo o mes.

Actuación da orquestra de cámara do Conservatorio Municipal no Pazo da Cultura

Actuación da orquestra de cámara do Conservatorio Municipal no Pazo da Cultura

No San Xoán, nas nosas festas grandes, tamén atoparás moita arte. Si, traémosche artistas do panorama musical máis actual, mais non nos esquecemos de amosarche con orgullo as e os nosos propios creadores, que poderás ver no festival Rock’in ou na mostra colectiva de artistas noveis.

Nos meses de xullo e agosto poderás gozar cunha ampla oferta de espectáculos ao aire libre, que enchen de cine, danza, música de todos os estilos e, sobre todo, bo ambiente, as noites cálidas do verán carballés. Cita ineludible é o Festival de pop rock Sereas e Piratas, na praia de Razo no mes de xullo.

Dicímoslle adeus ao mes de agosto coa Praza dos Libros, a nosa feira literaria, que coincide o domingo coa feira de produtos agrícolas. Se ese día compras un libro, agasallarémoste cun dos nosos riquísimos pans de Carballo…


Feader Ministerio de agricultura, alimentación y medio ambiente Xunta de Galicia Deputación da Coruña Galicia Agader